
Foto antiga de Bueu

Hai coñecemento de achados arqueolóxicos que datan do Paleolítico, así coma os castros da illa de Ons, Castrillón (Meiro), Bon (Beluso) ou o de A Cividade, todos eles da Idade de Bronce. Posteriores son os asentamentos romanos de Pescadoira (recentemente escavado) e Meiro, con aras adicadas ás divindades dos camiños.
A existencia de Bueu como parroquia aparece documentada no século XVI (sábese que Bueu tiña templo antes do século XIV), pero ó contrario do que hoxe podemos crer, os seus inicios debemos buscalos nas ladeiras circundantes: Outeiro, Norte, Valado e Carrasqueira.
No século XVIII comeza a notarse un gran desenvolvemento económico de Bueu debido sobre todo á abundancia na pesca (especialmente sardiña) e á industria dedicada a súa manufactura e conserva. Tense constancia documentada de máis de 20 salgadoiros no término municipal que producían peixe salgado.
No século XIX a industria pesqueira sofre un gran desenvolvemento e grazas a isto Bueu logra un crecemento realmente notable, apoiado en gran medida por empresarios foráneos, cataláns e italianos. Estes provocan unha revolución nas artes de pesca e na sociedade do momento. O desenvolvemento económico de Bueu dependeu desde entón da sua flota de baixura e de altura.
Bueu constituíuse como Concello en 1821 comprendendo ademais das actuais parroquias, ás de Aldán e Hío, sendo ratificado oficialmente no 1836 como concello independente, tras o parón absolutista do 1823 ao 1833.
O expediente de segregación destas dúas últimas parroquias entrou na sesión da Deputación o 28 de febreiro de 1873, resolvéndose definitivamente dous días despois, o 2 de marzo, momento no que pasaron a pertencer o Concello de Cangas.
Aínda que moitas referencias datan no 1856 o ano no que se lle concede por Real Cédula o título de Vila, existe un libro de bautizados datado en 1850 no que o cura Claudio Rodríguez presbítero fai unha anotación o 12 de xullo indicando :"Esta Parroquia desde hoy es Villa P. Cédula Real".
No primeiro terzo deste século o peirao de Bueu chegou a ser o máis importante da península do Morrazo e toda a ría de Pontevedra. Hoxe en día esta flota está formada por máis dunha centea de barcos. Pero gran parte da industria dedicada á conserva desapareceu, apenas queda nada das grandes firmas nacionais que estiveron en activo ata hai uns anos. A gran parte da poboación forma parte de flotas de pesca de altura, con barcos que, sendo de Bueu, teñen a sua base noutros países ou outros portos máis próximos como Cangas,Vigo ou Marín.



Mariñeiros nos tempos de antes
Sabías que...????
En canto á etimoloxía de Bueu hai varias opinións, pero a que se cree máis acertada é "terreo pantanoso" procedente da raíz protocéltica bod-bud (charca, gabia).